O Concello de Lousame pon en marcha o programa de compostaxe doméstica

Repartirá 175 composteiros entre a veciñanza // Vai adquirir unha biotrituradora móbil coa que xestionará os restos de poda
compostaxe
María Cano
Reunión informativa coa veciñanza no local social do Sanguiñal na que participaron medio cento de lugareños. Foto: Concello

O Concello de Lousme vén de poñer en marcha un novo programa de compostaxe no que repartirá de balde entre a veciñanza un total de 175 composteiros domésticos e instalará os que serán os primeiros centros de compostaxe comunitaria. Así mesmo, a administración local adquirirá unha biotrituradora móbil que permitirá xestionar a elevada cantidade de restos de poda que se xeran, contribuíndo a reducir as queimas.

Unhas actuacións que o Concello lousamián realizará ao abeiro da convocatoria 2020 das axudas do Plan de impulso ao medio ambiente (Plan PIMA) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O financiamento obtido a través desta convocatoria permitirá cubrir o 80 % do custe total do programa de compostaxe deseñado polo Concello de Lousame, e o resto será asumido con fondos propios.

A adquisición destes equipamentos completarase co desenvolvemento de accións formativas e informativas sobre os beneficios da compostaxe e o uso dos composteiros domésticos e comunitarios.