A Xunta licitará este mes as obras de O Son co obxectivo de inicialas despois do verán // O importe do proxecto ascende a preto de 263.000 euros // A actuación implica a demolición de muros de formigón, asfalto e bordos actuais TEXTO María Cano

O Cruceiro recuperará o seu esplendor cun cordón dunar

Medio Ambiente
María Cano
O alcalde sonense, centro, xunto a Vázquez e Quintana, a ambos lados, durante a visita que realizaron á zona de actuación. Foto: Xunta de Galicia

Porto do Son completará nos vindeiros meses a remodelación da zona portuaria cunha actuación no bordo da praia urbana do Cruceiro, á cal devolverán o seu aspecto natural. A Xunta de Galicia licitará este mesmo mes as obras co obxectivo de inicialas despois do verán, para non crear molestias aos usuarios do areal durante a tempada estival.

Estes son os prazos que se marca o Goberno galego para mellorar a fachada litoral neste punto do concello e que este mércores a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, trasladaron ao alcalde, Luis Oujo, durante unha visita á zona de actuación.

Con esta intervención preténdese poñer en valor a área situada entre o espigón, a avenida de Galicia e o parque infantil, mediante o fomento e consolidación dun cordón dunar e a organización de accesos ao areal a través do mesmo.

Grazas a esta colaboración mellorarase o estado actual de preto de 4.000 metros cadrados da zona portuaria da vila sonense (unha das poucas que ostenta o distintivo Bandeira Verde de Galicia) polo que Portos de Galicia debe autorizar as obras por desenvolverse en terreos que son da súa titularidade.

Neste proxecto investiranse preto de 263.000 euros, dos cales case 184.000 euros(o 70 %) serán aportados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a contía restante (79.000 euros, un 30 %) será achegada polo Concello, tal e como se expón no convenio asinado entre ambas partes e tamén Portos.

Segundo explicaron dende o Executivo galego, os traballos consistirán na demolición de muros de formigón, asfalto e bordos actuais, e tamén se realizarán movementos de terras para dar firmeza aos cimentos da pasarela que se instalará.

Os pavimentos reporanse con lousas de granito e as pasarelas remataranse en madeira de pino. Así mesmo, a actuación recolle a instalación de abastecemento e saneamento para dar servizo aos usuarios da praia, coa colocación de duchas, lavapés, alumeado e balizas.

Durante a visita, a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, destacou o atractivo da actividade portuaria de vilas como Porto do Son. Nesta liña, subliñou a importancia de traballar para mellorar as fachadas marítimas e puxo o exemplo deste concello, onde a Xunta de Galicia investiu 4 millóns de euros.

Lembrar que as actuacións realizadas permitiron reorganizar a vía, crear un edificio de servizos náuticos e portuarios na proximidade do dique, humanizar a contorna coa plantación de árbores, harmonizar a zona (de xeito que todas as rúas que cruzan a vila ata o porto teñen pavimento de pedra) e construír unha rotonda elevada na entrada que permite regular o tráfico.

Con esta obra e a de recuperación da praia portuaria, según Quintana, “apostamos por ese fermosismo co que dar cumprimento tamén ao obxectivo de fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico do concello”. “Ademais, estes traballos amosan a unión de distintos departamentos do Goberno autonómico co obxectivo de facer da Galicia costeira un exemplo de como debe adecuarse a relación vila-porto”, engadiu.