O PSOE leva ó Parlamento o futuro centro de saúde noiés

O candidato socialista á alcaldía mantivo dúas reunións coa deputada autonómica Noa Díaz
Iniciativa
ECG
Fran Pérez mantivo dúas reunións coa deputada autonómica. Foto: PSOE

Noia. O candidato á alcaldía de Noia polo PSdG-PSOE, Fran Pérez, mantivo dúas reunións consecutivas coa deputada autonómica Noa Díaz co obxectivo de realizar unha análise da situación local no referente ao investimento e á orzamentación de partidas de gran relevancia para o municipio noiés.

Dende a citada formación indican que “moitos dos proxectos anunciados por parte do actual rexedor noiés non contan con partida orzamentaria específica e definida, como si acontece en inversións deste tipo noutros concellos”. En consecuencia, o propio PSdG-PSOE comprometeuse a levar esta cuestión ao Parlamento galego “para evitar a súa paralización”. Entres elas, unha iniciativa para a licitización do proxecto do novo centro de saúde de Noia.

Ao longo das dúas reunións tratáronse outros investimentos anunciados, como o caso do desdobre do corredor Noia-Brión ou o da depuradora, “que por agora só conta cunha partida asignada para a primeira parte da obra, estando a segunda parte en espera indefinida”. Neste sentido, o candidato asegura sentirse “preocupado” ao constatar que “existe a posibilidade de que moitos dos investimentos anunciados non cheguen a producirse”. Fran Pérez prevé reunirse con máis cargos do PSOE. ecg