O Restaurante Fera é o gañador do certame de tapas na vila outense

Concurso
ECG
Tapa do Pumar. Foto: C. O.

Outes. O concurso de tapas en Outes, celebrado entre o 3 e o 11 de decembro, tivo unha grande aceptación entre os veciños e visitantes. “A nota predominante foi a calidade das tapas que cada local puxo en concurso e a alta participación ao longo de toda a semana”, salientaron dende a administración municipal.

Segundo os datos resultantes, foron case 2.600 tapas servidas e cunha valoración moi alta de todas elas por parte dos clientes. Dende o Concello outense agradeceron aos oito establecementos participantes “o esforzo para mostrar o bo facer gastronómico existente no concello” e animan a outros locais a que se sumen na vindeira edición.

Nesta ocasión, ofreceron tapas o Restaurante Asador Albatros, o Restaurante Pepe do Coxo, o Restaurante O Taboleiro, Casa Amanda, Joh Turkey, A Nosa Taberna, Casa Roque e Restaurante Fera.

O petisco mellor valorado polos participantes foi a Tapa do Pumar, elaboración do Restaurante Fera, en Cando, que recibirá o premio como gañador do concurso. Do mesmo xeito, procedeuse tamén a realizar un sorteo entre os clientes dunha cea cun valor de 150 euros, que será degustada nalgún dos oito restaurantes citados anteriormente, resultando agraciada Froila del Río Delfino. ecg