Os pobrenses darán ideas para realizar unha escultura

25-N
M.C.
Con esta convocatoria o goberno local quere dar cumprimento ó compromiso adquirido no pleno extraordinario de comezos de 2019. Foto. C.

A Pobra. O Concello da Pobra do Caramiñal materializará proximamente a execución dunha escultura como mensaxe de repulsa á violencia de xénero e en homenaxe a tódalas vítimas. Para tal fin, convócase un concurso de ideas para o deseño da talla ó abeiro da programación do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller. Con esta convocatoria, queren dar cumprimento ó compromiso adquirido no pleno extraordinario de comezos de 2019.

A técnica e concepción escultórica son de libre elección, considerando a viabilidade da reprodución tridimensional da proposta no material definitivo. No que respecta á temática, deberanse representar conceptos relacionados coa finalidade do proxecto. Ó certame poderá concorrer calquera persoa maior de 18 anos que cumpra cos requisitos indicados nas bases. Entregarase un máximo de dúas obras por autor/a que deberán ser orixinais, inéditas e de creación propia.

Dos traballos presentados, o xurado elixirá a obra gañadora, que terá como premio unha dotación económica de 3.000 euros, a entrega dun diploma e máis a adxudicación da realización da escultura por un importe máximo de 9.000 euros. m. c.