Os Reis Magos chegarán a Ribeira o día 5 montados en cadansúa dorna

O Bus Real xa percorre as rúas do municipio // Levará ás súas Maxestades de Oriente por todas as parroquias nas horas previas á celebración da cabalgata
Nadal
Marta Torres
María Sampedro xunto ao alumnado do campamento de conciliación que estreou este mércores o Bus Real. Foto: C. R.

Dende este mércores o Bus Real xa circula polas rúas do municipio ribeirense á espera de que o día de 5 de xaneiro leve ás súas Maxestades de Oriente polas parroquias nas horas previas á celebración da cabalgata na cidade.

O vehículo foi presentado na rúa Galicia fronte ao mercado municipal nun pequeno acto no que tomaron parte a concelleira de Cultura, María Sampedro, representantes do grupo Ferrín (Manuel e Brais) e os pequenos e pequenas que están a asistir ao campamento de conciliación do Concello nas instalacións do colexio O Grupo.

Sampedro explicou que este Nadal a rotulación do autocar está ambientada con motivos marítimos como un aceno á conmemoración do 75º aniversario da Festa da Dorna no 2023. De feito, a edil adiantou que o próximo 5 de xaneiro os Reis Magos chegarán a Ribeira a bordo da Dorna Nai, a Jalerna e a Virxe do Carme para dar paso a continuación á Cabalgata polas rúas de Santa Uxía, cuxos detalles serán dados a coñecer nos próximos días.

Nas horas previas do xoves 5, as súas Maxestades de Oriente –Melchor, Gaspar e Baltasar– irán dentro do Bus Real e pasarán por Oleiros (10.00 horas), Palmeira (10.45), Castiñeiras (11.30), Aguiño (12.15), Carreira (13.00), Artes (16.00), Olveira (16.40) e Corrubedo (17.30 h).

Unha vez concluído o acto de presentación, o alumnado do campamento de conciliación estreou o Bus Real cunha viaxe ata Aguiño para visitar o Belén Municipal no adro da igrexa parroquial.

Lembrar que o sábado 31, o Nadal tamén sairá á rúa se o tempo o permite, e ó longo da xornada os cativos desfrutarán de parques de inchables na rúa Galicia, do tren Expresso de Oriente percorrendo a cidade e de ruadas musicais ca charanga Fanfarria Furruxa. Tamén haberá programación infantil en todas as parroquias co Nadal Pelegrín, polas tardes. Comezou o día 26 en Palmeira e rematará o 4 de xaneiro en Aguiño. Haberá inchables, Carteiro Real, obradoiros e música.