Outes abre prazo para anotarse nos campamentos de verán ata o día 31

Dirixidos a nenos de 3 a 16 anos, prolongaranse do 23 de xuño ó 7 de setembro e dividiranse en seis quendas
conciliación
M.C.
Concello de Outes.

Outes. O Concello outense abriu o prazo de inscrición para o Campamento de Verán 2022, enmarcado no programa Outes Concilia, que se desenvolverá en distintas quendas, entre o 23 de xuño e o 7 de setembro, nas instalacións do edificio autónomo CEIP Plurilingüe de Outes. O campamento, que ten prazas limitadas, está dirixido a nenos de 3 anos (escolarizados) a 16 anos e o período de inscrición permanecerá aberto ata o 31 de maio.

Segundo apuntaron fontes municipais, as solicitudes poden presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello de Outes (https://outes.sedelectrónica.gal), ou de xeito presencial no Rexistro do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.

O campamento, que se prolongará dende o 23 de xuño ao 7 de setembro, dividirase en seis quendas. O horario de funcionamento do servizo de conciliación será de 8.00 a 16.00 horas, cun custo de 30 ou 40 euros por neno en función da quenda elixida.

As familias poderán facer uso do servizo en función das súas necesidades permitindo a entrada e saídas flexibles. Para o bo desenvolvemento das actividades programadas, recoméndase a aqueles que non vaian a facer uso do horario completo do campamento, incorporarse ao mesmo sobre ás 10.00 e saída a partir das 13.30 horas. Os menores teñen opción de almorzar e xantar no campamento, sendo as familias as encargadas de aportar os alimentos, en termos e neveiras.

Destacar que haberá bonificacións para as familias con máis dun fillo na actividade. Máis información no CIM de Outes, solicitando cita previa chamando ao teléfono 981 850 949. m. c.