A promoción de distintos produtos turísticos, a rehabilitación dunha carpintería de ribeira, o apoio á campaña do sector ou a sinalización de rutas de sendeirismo centraron o encontro de onte entre Xosé Regueira e Manuel González TEXTO M. Cano

Outes busca impulsar os seus recursos vinculados ao mar

Turismo
María Cano
Regueira, 4º pola esquerda, e González, 5º, visitaron onte o estaleiro que será rehabilitado. Foto: Deputación

A Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Outes iniciaron onte o estudo de novas vías de colaboración para a promoción turística dos recursos do mar deste municipio coruñés. Así, a promoción de distintos produtos turísticos, a rehabilitación dunha carpintería de ribeira, o apoio á campaña do sector ou a sinalización de dúas rutas de sendeirismo foron algúns dos temas que centraron a xuntanza do vicepresidente da institución provincial, Xosé Regueira, co alcalde outense, Manuel González López.

Durante a rolda de prensa que se desenvolveu no núcleo do Freixo, Regueira destacou que Outes “ten un bo deseño de produto e unha gran potencialidade que vai dar resultados con proxectos que dá gusto compartir e apoiar e cos que tentaremos colaborar na medida das nosas posibilidades”. Referíase á campaña de promoción que botou a andar este verán e a iniciativas relacionadas co patrimonio e os recursos do mar, desde a carpintería de ribeira aos deportes náuticos, pasando polas iniciativas vinculadas ao interese turístico do marisqueo.

O encontro incluíu tamén unha visita á lonxa e ó estaleiro tradicional que será rehabilitado que é, segundo o alcalde, un “exemplo dun sector no que Outes foi centro neurálxico de toda Galicia con multitude de pequenas carpinterías nas que se fixeron centos de barcos”.

Segundo avanzaron, o mencionado proxecto desenvolverase en dúas fases. A primeira contemplará a rehabilitación da carpintería e o plan museográfico e, a segunda, o acondicionamento do entorno, cun orzamento duns 600.000 euros no seu conxunto para o que se conta coa achega de fondos europeos.

“A carpintería de ribeira está declarada BIC e consideramos que é necesario apoiar propostas de recuperación e promoción como a do Concello de Outes de rehabilitación dun estaleiro tradicional, que será, sen dúbida, un punto de referencia no sector”, apuntou o responsable de Plans, Patrimonio e Turismo do citado ente, ao tempo que engadiu que o proxecto será positivo non só para o municipio, senón tamén “para o xeodestino e para a totalidade da provincia e o conxunto do patrimonio galego vinculado ao mar”.

En tido municipio, a pesar de ter contado na súa historia con case corenta carpinterías de ribeira, na actualidade só resisten os estaleiros que se poden visitar no porto do Freixo. A comezos do pasado século Outes e o Freixo foron o concello e a parroquia, respectivamente, con máis carpinterías e talleres para embarcacións de madeira en todo o territorio galego, con máis de 36. Con todo, despois de 1940 a actividade foi decrecendo e, na actualidade, tan só resisten catro talleres en activo.

Vinculada a este sector, entre outros produtos turísticos, na localidade desenvolveuse a ruta Os carpinteiros cos pés mollados, nome que se lle otorgou a raíz do libro de Santiago Llovo, O Freixo de Sabardes: a terra dos carpinteiros cos pés mollados.

Este sendeiro transcorre entre O Freixo e Broña e forma parte da experiencia Vivir o marisqueo, impulsada o pasado ano polo Concello outense para dar a coñecer a actividade que os profesionais do mar desenvolven artesanalmente dende hai séculos nesta franxa da ría.

areadecompostela@elcorreogallego.es