Outes habilitará unha vivenda de mestres para aluguer social no Bosque

A actuación, cun custo duns 88.000 €, conta cunha subvención do IGVS de 40.000 euros
Servizos Sociais
M.C.
Adecuarase unha das antigas vivendas das escolas do Bosque, na Serra de Outes. Foto: C. O.

Outes. A Corporación municipal de Outes aprobou no pasado pleno ordinario do mes de maio a dotación dunha partida para levar a cabo obras de adecuación dunha das antigas vivendas das escolas do Bosque, na Serra de Outes, coa finalidade de convertela nunha vivenda para alugueiro social. A actuación, cun custo duns 88.000 euros, conta cunha subvención do IGVS de 40.000 €, polo que o Concello aprobou un crédito orzamentario pola diferenza, uns 48.000 euros.

O alcalde, Manuel González, indicou que se trata da primeira vivenda destas características coa que vai contar o concello, o que servirá para atender casos de emerxencia social para familias que precisen dunha vivenda de forma urxente. “Deste xeito, ademais, conseguimos recuperar un ben de titularidade municipal que se atopaba en moi mal estado e manter así coidado o noso patrimonio”, explicou o rexedor.

Por outro lado, o pleno tamén sacou adiante a dotación dunha partida doutros 48.000 euros para a substitución das xanelas dun dos edificios situados no recinto do CEIP de Outes.

Segundo sinalou González, trátase dunhas instalacións que van acoller a nova biblioteca do centro e que contará cun equipamento adaptado ao modelo pedagóxico innovador que se está a desenvolver no colexio público. Ademais, na planta superior dese edificio teñen lugar as actividades de madrugadores e tardes divertidas que presta o Concello, dentro do programa Outes Concilia. m. c.