Outes pretende poñer en valor a riqueza da terra do municipio

Agricultura
Marta Torres
Con este proxecto preténdese facer un estudo da situación actual do sector primario máis vinculado á agricultura.

Outes. O Concello de Outes é un lugar rico en patrimonio natural –cunha situación privilexiada entre a terra e o mar– e en patrimonio cultural, pero tamén destaca pola súa gastronomía e polos seus produtos, tanto de horta como de animais de granxa ou peixe e marisco.

Coñecedores diso, o executivo local acaba de lanzar o proxecto Sabores e saberes co que buscan “pór en valor as producións agrogandeiras que teñamos en Outes; basicamente caracterizalas e ver de promocionalas para que teñan saída comercial”, explicou o alcalde outense, Manuel González López.

Con este proxecto preténdese facer un estudo da situación actual do sector primario máis vinculado á agricultura “para trata de recuperar produtos como o cebolo de San Cosme”.

Para iso desenvolverán as seguintes accións: identificación e caracterización dos produtos tradicionais e innovadores; promoción en feiras e internet e do consumo local, e comercialización; e levarán a cabo un plan de formación.

O primeiro paso deuse este xoves, coa reunión cos posibles promotores ós que lles presentaron a iniciativa. A idea final, segundo sinalou o rexedor, é establecer un mercado local en Outes. m. t.