Piden certezas sobre o futuro dos traballadores da planta de residuos de Lousame

Representantes do comité reuníronse co presidente da mancomunidade da Serra do Barbanza
Contrato
C.G.
Representantes do comité ao remate da reunión.

Membros do comité de FCC, empresa concesionaria da planta de residuos de Lousame, reuníronse este venres co alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido. O rexedor asumiu o pasado mes de xuño a presidencia da mancomunidade da Serra do Barbanza, propietaria dunhas instalacións que empregan aproximadamente a 140 persoas.

Os representantes dos traballadores transmitíronlle a Saborido a súa preocupación ante informacións coñecidas nas últimas semanas, que apuntaban a un posible cambio no modelo de xestión, polo seu impacto no emprego. Segundo CCOO do Hábitat, este comprometeuse a manter “contacto directo” coa representación legal do persoal da planta para facerlle chegar de primeira man calquera novidade que se produza.

Pola súa parte, desde o comité pedíronlle ao presidente que se liciten “canto antes” os novos pregos de contratación do servizo e que neles “se especifique con claridade que a planta continuará a traballar co actual modelo de xestión de residuos, desbotando opcións que incluso contan coa reprobación de Europa”.