Piden dende o BNG máis apoio para os praceiros de Noia

Comercio local
María Cano
Pola esquerda, González, Suárez, Pérez e López. Foto: BNG

Noia. As deputadas do BNG Rosana Pérez e Carme González acompañaron nunha visita á praza de abastos ao portavoz do partido en Noia, Ricardo Suárez, onde mantiveron un encontro co presidente da asociación de comerciantes desta institución, Guillermo López, para abordar os cambios arquitectónicos que se levarán a cabo nas instalacións, que proximamente se someterán a unha reforma integral.

Dende a formación frentista subliñaron a necesidade de que estas melloras non se queden no material e veñan acompañadas por modelos ambiciosos de apoio á comercialización e posta en valor dos produtos. Ademais, os nacionalistas valoraron positivamente “os bos resultados acadados pola praza de abastos noiesa para chegar ás vivendas da clientela”, e reafirmaron o compromiso do BNG para que “o apoio institucional ás plataformas e estratexias de comercialización se faga realidade e produza efecto”. m. c.