Presentan ‘O Camiño de Santiago’ na vila muradá

Teatro
Marta Torres
O elenco desta produción está formado por Paulo Medal e Almudena Zurita.

Muros. A compañía EducaTeatro Producións recalará este sábado ás 18.00 horas no centro cultural de Muros para representar O Camiño de Santiago. Trátase dun musical infantil destinado ao público familiar.

O Camiño de Santiago é a historia de Santiago e Mariña, dous irmáns que non xogan xuntos, pero que aprenderán a facelo. Como cada noite, Santiago emprende o seu camiño acompañado de Blanco, o seu cabalo inseparable. O que non agarda é que hoxe se atope no seu soño con Mariña e a súa gatiña Lupe. Vivirán aventuras e cantarán cancións para chegar ao Castelo Máxico (a Catedral de Santiago) e encontrar o tesouro agochado. Nesta viaxe, as personaxes dos seus contos cobrarán vida. Cando remata a súa aventura e a viaxe finaliza, os irmáns espertan, á mañá seguinte, cambiados, unidos e xuntos.

Neste espectáculo, interpretado por Paulo Medal e Almudena Zurita, é de destacar o percorrido polas historias e as cancións míticas do grupo EducaTeatro.

A función está incluída na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e o prezo das entradas é de 2,50 euros. Pódense reservar no centro cultural ou ben chamando ao 981 762 294. m. t.