Presentarán unha nova proposta para dotar de paso de peóns ao lugar de Boa

seguridade viaria
María Cano
Imaxe do encontro dos nacionalistas cos veciños de Boa. Foto: BNG

Noia. Integrantes do BNG de Noia mantiveron unha xuntanza coa veciñanza da parroquia de Boa na que tamén participou a deputada Rosana Pérez. A representante nacionalista explicou o traballo que a formación está levando a cabo no municipio e no Parlamento para a consecución dun paso de peóns no mencionado núcleo de poboación.

Tras varias propostas denegadas, tanto Pérez coma o portavoz municipal do Bloque, Ricardo Suárez, coincidiron na necesidade de insistir cunha nova proposta ao Goberno galego, e afirmaron que levarán ao Parlamento “a necesidade de que a Xunta acondicione o tramo da estrada AC-550 para que si se poda instalar un paso de peóns, pois a propia Xunta de Galicia é quen indica que a iluminación e as beirarrúas non son axeitadas nunha vía que é da súa titularidade”.

Os nacionalistas tamén aproveitaron a xuntanza para recoller outro tipo de reclamacións veciñais. m. c.