Recalan en sete centros educativos de Ribeira os obradoiros formativos sobre acoso escolar

Acoso escolar
M.C.
Obradoiro dirixido ao profesorado celebrado en outubro. Foto: Concello

Ribeira. Os obradoiros formativos sobre acoso escolar promovidos polo Instituto de Mediación Educativa de Ribeira (IMER) e a concellería de Servizos Sociais, Promoción Social, Igualdade e Diversidade do Concello a través do CIM recalan esta semana en sete centros educativos do municipio.

Cómpre recordar que esta iniciativa, denominada Dereito a saber: obradoiro sobre diversidade, ten como principal obxectivo ofrecer ferramentas para combater unha problemática existente na sociedade como son os casos de acoso escolar derivados de calquera tipo de discriminación e, sinaladamente, por razóns de orientación sexual.

A tal efecto, o pasado 26 de outubro houbo un obradoiro didáctico destinado ao profesorado e nestes días estanse a celebrar talleres para o alumnado dos diferentes centros de secundaria, bacharelato e FP do termo municipal. Concretamente, este martes tivo lugar nos colexios Sagrado Corazón de Castiñeiras e Bayón; este mércores estiveron a celebrarse no IE Número 1, CIFP Coroso e colexio A Milagrosa de Oleiros; e este xoves terá lugar no IES Leliadoura e no colexio Galaxia. m. c.