Reforzarase a seguridade na AC-550 ao seu paso por Louro

Estradas
ECG
O tramo de actuación comprende a marxe esquerda da estrada AC-550, entre os puntos quilométricos 37+210 e 37+380. Foto: X.

Muros. A Xunta de Galicia adxudicou as obras de execución dunha cuneta transitable para mellorar a seguridade viaria na estrada AC-550, ao seu paso pola parroquia de Louro, no concello de Muros. A intervención, adxudicada á empresa Excavaciones Agra Castro S.L. por un importe de preto de 40.000 euros, comezará nas vindeiras semanas.

Cómpre lembrar que a estrada AC-550, ao paso por Louro, dispón na marxe esquerda dunha cuneta non revestida, que nos últimos anos sufriu perdas de material debido á auga que circula por ela. Por iso, a Xunta proxecta a construción dunha cuneta en formigón co fin de mellorar a seguridade viaria da zona e evitar infiltracións. O tramo de actuación comprende a marxe esquerda da estrada, entre os puntos quilométricos 37+210 e 37+380.

Está previsto que as obras comecen pola roza e a escavación do terreo, continúen co recheo e rematen coa execución da cuneta en formigón, cun ancho medio de tres metros. Tamén se disporá unha canalización soterrada para a drenaxe lonxitudinal e ampliarase a taxea existente.

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionarlle unhas estradas máis seguras e eficientes ós cidadáns. ecg