Portos de Galicia tamén vén de contratar os traballos para os de Corme, Fisterra, Muros e Corcubión // O orzamento total dos proxectos ascende a máis de
1,3 millóns de euros e o prazo de execución será de dez meses TEXTO Marta Torres

Renovación integral para os pantaláns do peirao do Freixo

Portos
Marta Torres
No porto de O Freixo concéntrase unha parte importante da frota marisqueira da ría de Muros-Noia. Foto: ECG

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de asinar o contrato para a execución das obras de mellora de pantaláns en oito peiraos da provincia da Coruña, entre os que se atopan os de Corme, Fisterra, O Freixo, Muros e Corcubión.

As actuacións contemplan a reforma integral dos pantaláns e estruturas aboiantes das dársenas mellorando as instalacións en relación coas prestacións de seguridade. Así mesmo, procederase á reparación correspondente nos casos das dotacións que presentaban deficiencias provocadas polo propio uso.

O orzamento total do contrato ascende a máis de 1,3 millóns de euros e o prazo de execución dos traballos será de dez meses. Porto por porto, as contías aproximadas de cada intervención son as seguintes: Corme, 77.000 euros; Fisterra, 288.000 €; O Freixo, 443.000 euros; Muros, 120.000 €, e Corcubión, 36.000 euros. Tamén se actuará en Pontedeume, 244.000 euros; Miño, 235.000 euros, e Betanzos, 15.000 euros.

Polo que respecta ás intervencións previstas, as melloras consistirán na substitución de elementos de madeira, renovación de pavimentos por madeiras sintéticas de maior duración e que reducen o risco de deslizamento, dotación de elementos auxiliares de seguridade como fingers, escaleiras e balizamentos dos pantaláns, entre outras.

Unha partida importante do orzamento total están consignados ás infraestruturas outenses. Fai máis de quince anos, este peirao pegou o gran salto gracias a un investimento do mencionado ente público que superaba os tres millóns de euros. Un proxecto que supuxo a mellora da contorna portuaria da vila, ampliando prestacións e compatibilizando a actividade cos usos deportivos. Para conseguilo, habilitáronse 188 prazas de amarre para embarcacións de profesionais do mar, así como 74 atracadas para a náutica deportiva. Tamén se prolongou o dique de abrigo flotante, instaláronse varios pantaláns e ampliáronse algunhas das ramplas de varada existentes. Estas actuacións completáronse coa ordenación e urbanización da fachada marítima.

Xa no 2017, Portos renovou os pantaláns pesqueiros de O Freixo, actuando nos amarres das embarcacións menores, na pasarela e o módulo principal. Unhas melloras que se sumaron a outras anteriores nas que se crearon 24 novas prazas.

O ente que preside Susana Lenguas conta con 14.331 prazas de amarre en sesenta e seis dos cento vinte e dous peiraos que xestiona ao longo dos máis de 1.700 kilómetros de franxa litoral. De estas, 10.174 son do sector náutico-recreativo (o vinte e un por cento impulsadas pola iniciativa privada) e 4.147 do sector profesional, pesqueiro e acuícola, impulsadas pola Xunta.

Recordar que a Consellería de Mar, a través de Portos, comprometeu no exercicio 2021 un investimento de 7,3 millóns de euros en dotación e mellora de instalacións, pantaláns e prazas de amarre nos peiraos de titularidade autonómica. Polo que respecta ao ámbito de Área de Compostela, entre as obras incluídas está a reordenación da dársena e a instalación de novas pasarelas en Ribeira, a construción do pantalán de pasaxe e a ampliación da Escola de Remo de Pontecesures ou o embarcadoiro de Valga.