Rescatan a dúas mozas en apuros na praia de Ancoradoiro

Suceso
Redacción WEB
Praia Ancoradoiro. Foto: Ría da Estrela

Dúas mozas foron rescatadas na tarde deste venres en Muros tras ser arrastradas pola corrente do mar no lugar do Ancoradoiro. Ademais, segundo informaron dende o 112 Galicia, un mozo que se atopaba con elas puido saír polos seus propios medios da auga.

O centro coordinador das emerxencias tivo coñecemento da situación destas persoas en apuros a través da chamada de varios particulares que contactaron ao fío das seis e media para alertar dos feitos.

Ata a zona se desprazou Salvamento Marítimo, o GES de Muros, a Policía Local e a Garda Civil. Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, estes efectivos recolleron nunha lancha ás dúas mozas, que se atopaban a uns vinte e cinco metros de terra, e as trasladaron ata unha embarcación de Salvamento Marítimo, na que foron evacuadas ao porto muradán en perfecto estado de saúde.