Beneficiarios das achegas que convoca a Xunta, Figueira e Miguéns puxeron en marcha unha comunidade de bens en Muros grazas aos 14.000 euros que recibiron TEXTO María Cano

Retornados de Suíza optan polo marisqueo para emprender

Axudas
María Cano
Rodríguez e Quintana, primeiro plano, na embarcación con Figueira e Miguéns, onte en Muros. Foto: Xunta

Volver a Galicia é o plan de futuro da maior parte dos galegos que residen no estranxeiro. Nos últimos anos incrementouse o número de emigrantes galegos que regresaron, moitos dos cales se beneficiaron das achegas ao retornado emprendedor que convoca a Xunta de Galicia.

É o caso de Francisco Javier Figueira Rey e Martín Miguéns Domínguez, quenes retornaron de Suíza e grazas á achega do Executivo galego puxeron en marcha unha comunidade de bens para dedicarse ao marisqueo na ría de Muros e Noia. Un proxecto que quixeron coñecer de primeira man a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quenes se desprazaron onte ata o concello de Muros. Durante a visita estiveron acompañados pola alcaldesa, Inés Monteagudo, e o patrón maior muradá, Daniel Formoso.

Figueira e Miguéns contaron cada un deles cunha axuda de 7.000 euros da Secretaría Xeral da Emigración a través do programa de Axudas ao Retornado Emprendedor co obxectivo de poñer en marcha esta nova iniciativa que aposta por un dos sectores tradicionais galegos e pola remuda xeracional.

Alí a conselleira do Mar agradeceu que este tipo de apoios teñan en conta proxectos que se promoven no ámbito marítimo-pesqueiro e puxo en valor a súa importancia de cara a facer a actividade atractiva e favorecer a remuda xeracional no sector. Ademais, engadiu Rosa Quintana, “iniciativas coma esta contribúen á competitividade da cadea mar-industria de Galicia”.

Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración aproveitou a visita para recordar que acaba de abrirse esta nova liña de axudas, que en 2021 conta cun orzamento de 800.000 euros. Cómpre destacar que o pasado ano, beneficiáronse da mesma 94 emprendedores retornados, moitos deles residentes nun concello do rural coma Lousame.

Este ano o programa conta con dúas liñas de axuda para persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na comunidade, unha que promova o autoemprego co obxectivo de fomentar o establecemento como persoas autónomas ou por conta propia, e outra, relativa á COVID, destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia. As contías a percibir serán de 5.000 euros (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 euros, respectivamente. O prazo de presentación remata o 30 de setembro.

En 2020 a provincia da Coruña contou con 42 beneficiados por estas axudas. Na comarca do Barbanza, beneficiáronse seis galegos retornados: dous deles en Boiro, outro en Rianxo, outro en Ribeira e os dous propios emprendedores de Lousame que desenvolven a súa actividade na ría de Muros e Noia.

Asemade, desde a posta en marcha deste programa, foron case trescentos os galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración.

Ao respecto, a Xunta de Galicia lembra que esta liña de subvencións ten como fin favorecer o regreso á comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial.