Ría da Estrela xa conta cunha versión mellorada dos menús dixitais

Hostalaría
María Cano
Acto de presentación da ferramenta dixital.

Noia. Tras o éxito da campaña 2020, as cartas dixitais volven con melloras aos establecementos da Ría da Estrela. A nova versión do e-menú inclúe diversas melloras: posibilita a ocultación directa de seccións ou categorías completas, a edición en liña de máis atributos, máis opcións de fondos gráficos, así como a opción de imprimilos en papel.

A Asociación Rural de Desenvolvemento Ría de Muros-Noia informou de que, ata a data de hoxe, xa son 83 os establecementos os que implantaron esta ferramenta dixital nos concellos de Noia, Muros, Outes, Lousame e Porto do Son. “Esa ampla difusión deu lugar a unhas cifras de resultados excelentes. Desde o seu lanzamento, en xuño de 2020, as e-cartas da ría de Muros Noia recibiron un total de 134.180 consultas, co que podemos presupoñer que resultaron de utilidade para unha estimación mínima de polo menos 268.360 comensais”, indicaron. m. c.