A conselleira visitou onte as obras de reordenación interior da lámina de auga do peirao // A actuación inclúe a ampliación dos pantaláns, o traslado do dique e a dotación de subministracións con control intelixente de consumos TEXTO Marta Torres

Ribeira ábrese máis ao mar coa creación de noventa amarres

Portos
Marta Torres
Rosa Quintana, primeiro plano, xunto a Susana Lenguas, José A. Pérez e Manuel Ruiz, en Ribeira. Foto: Xunta

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou onte as obras de reordenación interior da lámina de auga do peirao de Ribeira, onde explicou que as melloras incluídas nesta actuación permitirán poñer a disposición do sector marítimo-pesqueiro local noventa novas prazas de amarre. Os traballos, que están en proceso de execución, contan cun investimento de 1,2 millóns de euros a través de Portos de Galicia.

A representante da Xunta, que estivo acompañada pola presidenta do ente público, Susana Lenguas, indicou que o proxecto contempla a ampliación dos pantaláns de descarga para buques pesqueiros (terceira lista), dos das embarcacións auxiliares de acuicultura (cuarta lista) e das náutico-recreativas (sétima lista) así como o traslado do dique flotante e a instalación dun pantalán para embarcacións institucionais.

“Era un porto que estaba a necesitar unha serie de adaptacións. Neste momento se fixeron xa os pantaláns para as embarcación institucionais, onde terán atraque Salvamento Marítimo do Estado, Cruz Vermella e o propio Servizo de Gardacostas de Galicia”, informou ao respecto Quintana. A maiores destas catro prazas, a ampliación do resto de pantaláns suporá a creación doutras 86, das que 75 se corresponderán con embarcacións pesqueiras, oito serán para auxiliares de acuicultura do sector bateeiro e tres para barcos de lecer.

Co obxectivo de completar a intervención, o proxecto prevé a dotación de torres de subministración e iluminación ás infraestruturas frotantes con sistema intelixente de control de consumos. Tamén se habilitarán torres de subministración eléctrica de alta capacidade ao peirao situado fronte á lonxa vella e, finalmente, instalarase un sistema de control de accesos nos portalóns dos embarcadoiros que funcionará a través do teléfono móbil.

O prazo de execución das obras é de oito meses polo que a súa finalización, se non se produce ningún imprevisto, está estimada para o último trimestre do ano. Trátase dunha actuación, incidiu a conselleira, “que contribúe a mellorar a actividade marítimo- pesqueira nesta localidade e a facela máis competitiva así como a integrar o porto coa vila facendo máis accesible a contorna portuaria aos cidadáns”.

Durante a súa visita á cidade de Ribeira, a titular de Mar tamén lembrou que esta intervención se suma á que están a executar conxuntamente o Goberno autonómico, a través de Portos, e o Concello ribeirense para a remodelación da fachada marítima da localidade, concretamente no paseo das Carolinas.

En canto a este proxecto, recordar que inclúe a habilitación dun único carril de circulación en dirección saída e a ampliación do illote axardinado central, dotando así á zona de máis espazos verdes. No que respecta á parte máis próxima ás vivendas, farase unha gran beirarrúa pegada ás fachadas, habilitando prazas de aparcamento e aumentando o espazo de uso destinado aos viandantes.

“En total, Portos de Galicia ten en execución a día de hoxe no porto de Ribeira actuacións que supoñen un investimento de preto de dous millóns de euros”, subliñou Rosa Quintana, quen afirmou que agora “queda completada a situación dos atraques para todos os profesionais”.