Ribeira denunciará a un veciño por ameazar á concelleira que dimitiu

Denuncia
Marta Torres
Ana Ruiz presentou a súa dimisión este martes. Foto: C. R.

RIBEIRA. Os servizos xurídicos do Concello de Ribeira estudan denunciar a un cidadán do municipio “polas graves expresións” escritas nas redes sociais contra Ana Ruiz, a edil que presentou a súa dimisión tras a celebración dunha festa por parte de 24 rapaces, o seu fillo entre eles, nun local do que é copropietaria. O individuo, que tras proceder á súa identificación resulta ser un veciño de Deán de 51 anos, escribiu presuntamente os seguintes comentarios a sendas noticias aparecidas en Facebook: “Que a maten a pedradas, ostia pa tipeja” e “podían empezar por colgala do balcón do ayuntamiento xa que a palmera xa non está.”. Unhas mensaxes que, a xuízo do equipo de goberno, “incitan ao odio e a violencia contra unha muller que vén de ofrecer un exemplo de responsabilidade pouco común na política ao recoñecer o seu erro”. m.t.