Ribeira pon en marcha a mesa local contra a violencia sexista

Violencia de xénero
María Cano
A mesa estivo presidida polo alcalde Manuel Ruiz Rivas e contou coa participación dunha ducia de integrantes. Foto: C. R.

Ribeira. O salón de plenos do consistorio ribeirense deu cabida este xoves á reunión constitutiva da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, en cumprimento do acordo do pleno ordinario da

Corporación celebrado o pasado 1 de decembro.

Acordouse que a mesa teña unha periodicidade de seis meses e tamén convidar a que se integre na mesma unha representante do Punto de Atención Familiar do Barbanza, unha vez este servizo inicie o seu funcionamento.

E aínda que a sesión tiña un carácter constitutivo, abordouse a posibilidade de que no marco da colaboración entre as policías local e nacional nesta materia se faculte á primeira das mesmas a acceder ao Sistema VioGén.

A mesa estivo presidida polo alcalde Manuel Ruiz Rivas e contou coa participación dunha ducia de integrantes, entre eles os representantes das administracións estatal e galega a través da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e da secretaria territorial da Delegación Territorial da Xunta, Patricia Rodríguez; técnicos municipais de Servizos Sociais, o CIM e a UAD, membros das Policías Local e Nacional e representantes dos sectores sanitario e da educación. m. c.