Rodríguez presentará no Liceo o seu último libro

Literatura
María Cano
Instalacións do Liceo de Noia. Foto: L.N.

Noia. A Asociación Cultural Barbantia e a Fundación Galiza Sempre presentarán este sábado Unha etapa estelar e conflitiva da Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I. A relevancia do Reino Galego Medieval, o último libro de Francisco Rodríguez. O acto terá lugar nas instalacións do Liceo de Noia ás 20.00 horas.

Trátase do primeiro volume dunha obra que percorre a etapa medieval de normalidade e esplendor do reino de Galiza, e a crise da segunda metade do século XIV, editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), coa colaboración da Fundación Galiza Sempre.

“Este Tomo I que agora ve a luz céntrase en evidenciar a relevancia incuestionábel do Reino de Galiza analizando, debatendo e tirando conclusións tanto desde a historiografía oficial e académica como desde as fontes documentais existentes”, explican dende a citada fundación, e avanzan que “a análise dese momento estelar e conflitivo que se anuncia no título, cuxo desenlace tivo transcendencia para o noso futuro, é obxecto de estudo no Tomo II, que verá a luz nos comezos do mes de xullo”.

No acto intervirán o autor, Óscar Prego, presidente do Liceo, e Patricia Torrado, da Asociación Barbantia. m. c.