Romero presentou a Medio Ambiente a recuperación da charca do núcleo de Abanqueiro

Tamén abordou con Ángeles Vázquez incluír no catálogo de árbores senlleiras tres especies da finca de Goiáns
Medio Ambiente
Marta Torres
Pola esquerda, Docampo, Vázquez, Romero e Treus durante a reunión. Foto: C. B.

Boiro. O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro de Medio Ambiente, Raúl Treus, mantiveron unha xuntanza coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo, para trazar liñas de traballo conxunto entre ambas administracións.

O rexedor boirense presentoulle á representante do Executivo autonómico un proxecto para a recuperación ambiental da charca de Abanqueiro, “un proxecto que se pode executar por fases e que conleva o control da vexetación exótica da zona para evitar danos nos ecosistemas, a recuperación de augas libres e da diversidade estrutural e biolóxica da charca, e a ordenación do uso público para o seu desfrute e conservación a longo prazo”, sinalan dende o goberno local.

Por outra banda, José Ramón Romero aproveitou o encontro para trasladarlle a Ángeles Vázquez a demanda dos empresarios do citado municipio coruñés da necesidade de rematar a conexión pendente entre a Fase I e a Fase II do polígono industrial de Espiñeira. A actuación contempla un proxecto de escavación arqueolóxica en área do Túmulo 3 de As Chans para a súa protección e conservación e poder proceder posteriormente á urbanización do Plan Parcial do Parque Empresarial de Espiñeira proxectada dende o ano 2008.

Por último, a titular autonómica de Medio Ambiente interesouse pola evolución das obras de rehabilitación do Pazo de Goiáns que recentemente visitou e comprometeuse a analizar as posibilidades do seu departamento para colaborar na mellora dos espazos naturais da contorna do inmoble.

No marco da xuntanza tamén se tratou a posibilidade de incluír a tres especies que se atopan na finca no Catálogo de árbores senlleiras. m. t.