Sábado Negro en Noia con descontos en trinta tendas

Os comercios adheridos á iniciativa estarán abertos ata as 21.30 horas // Pode empregarse o Bono Activa Comercio da Xunta
Comercio local
Marta Torres
Pola esquerda, Vázquez, Salgado e Froján na presentación do Sábado Negro. Foto: C. de Noia

O Concello de Noia colabora na promoción do comercio local a través da que será a décimo segunda edición do Sábado Negro, que se celebra hoxe e no que participarán máis de trinta establecementos do municipio. A iniciativa foi presentada este venres nun acto no que participou a concelleira de Comercio, Laura Salgado García, acompañada pola secretaria e a vocal da asociación Noia Histórica –entidade organizadora–, Mari Carmen Vázquez González e Susi Froján Canle, respectivamente.

Os locais adscritos na presente edición da iniciativa ofrecerán todos os seus produtos cun 20 % de desconto e modificarán o seu horario habitual mantendo as súas portas abertas á clientela ata as 21.30 horas. Hai tendas de moda, calzado, complementos, roupa infantil, xoierías, deportes, puericultura ou lenzaría, entre outras.

Asemade, deste 20 % de desconto, os consumidores poderán facer emprego dos Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia para obter unha rebaixa maior no importe das súas compras.

Ademais, a xornada contará con música e animación polas rúas e con cada compra, a persoa consumidora recibirá un vale canxeable por un chocolate na chocolatada que terá lugar no Curro a partir das 18.00 horas.

A concelleira de Comercio, Laura Salgado, sinalou que a través desta iniciativa “buscamos apoiar ao noso tecido comercial ao mesmo tempo que ofrecer unha xornada de lecer para a nosa veciñanza”.

Neste sentido, a representante do goberno local convidou “tanto á xente de Noia como dos municipios da contorna a que se acheguen este sábado, participen nas actividades preparadas e aproveiten estes importantes descontos”. As persoas que desexen consultar os establecementos participantes e as ofertas especiais poderán facelo vía internet, accedendo á páxina web noiahistorica.com.