Sanidade está barallando a construción dun novo ambulatorio en Ribeira

A Xunta encomendou ó Concello que busque unha parcela idónea para o centro de saúde
Sanidade
Marta Torres
Centro de saúde de Ribeira. Foto: C. R.

Ribeira. A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia informou ao Concello de Ribeira de que baralla dúas posibles alternativas no ánimo de mellorar as prestacións asistenciais na capital municipal: ben ampliar e acondicionar o centro existente, que se sitúa na praza dos Mariñeiros nunhas instalacións compartidas co Instituto Xeral da Mariña, ou ben —a opción preferida— construír un novo centro de saúde noutro enclave.

Coa fin de que se poida materializar esta última posibilidade, a Consellería encomendou ao Concello ribeirense as xestións dirixidas a localizar e poñer a disposición unha parcela dentro da cidade que resulte idónea para edificar un centro de saúde de nova creación, acorde cos estándares construtivos máis modernos para unha óptima atención dos pacientes.

Para cumprir esta solicitude a administración local estanse a estudar varias opcións en diferentes barrios do casco urbano.

Cómpre lembrar que este novo dispensario sumaríase, de saír adiante os proxectos, aos que se prevé construír nos concellos de Noia e O Son. En ambos casos o centro de saúde actual presenta deficiencias, polo que dende a Xunta apoian unha nova construción coa que se busca mellorar servizos. m. t.