Sara Igleisas inaugura na vila lousamiá ‘Involución’

Exposición
M.C.
Será o 23 de abril na casa da cultura de Lousame.

Lousame. O Concello de Lousame vén de elaborar unha completa programación para conmemorar o Día do Libro, que terá lugar o propio sábado 23 de abril. Un programa que dará comezo ás 12.00 horas e que inclúe: unha sesión de contacontos e un obradoiro de refugallos, dirixido a nenos e nenas de 3 a 6 anos, a inauguración da exposición Involución e unha serie de obradoiros culturais dirixidos a nenos e nenas de 7 a 12 anos.

Unhas actividades totalmente gratuítas pero para as que é preciso inscrición previa a través de bandoticket.com.

A xornada dará comezo ao mediodía na casa da cultura de Lousame co contacontos Balbina, libro de Sara Iglesias (Porto do Son, 1986), ilustradora e mestra de Educación Infantil. Unha historia que demostrará aos cativos como a través da imaxinación e a creatividade, xunto a valores tan importantes como a xenerosidade e a bondade, se poden atopar alternativas para conseguir os seus obxectivos.

Unha vez finalizado o contacontos, Sara Iglesias e as familias desprazaranse ata o salón de exposicións para inaugurar Involución, unha mostra que a propia autora define como “unha serie de ilustracións que fan reflexionar sobre as accións humanas cara o planeta Terra”. m. c.