Simposio no Pindo sobre a toponimia do Concello

Toponimia
M.C.
Os expertos abordarán a toponimia do monte, do concello e a comarca. Foto: C. C.

Carnota. O VI Simposium Monte Pindo debullará o 21 de maio a toponimia do monte, concello e comarca. O evento, que terá lugar no local da confraría de pescadores do Pindo, que colabora coa actividade, congregará en Carnota a varios expertos e estudosos da cuestión da toponimia, tanto da índole académica coma do ámbito civil, fundamental para atraer o patrimonio oral tradicional en torno aos nomes dos sitios.

Coa inauguración da iniciativa, a cargo de Xilberto Caamaño Beiro, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, comezará un repleto programa de actividades que inclúe diferentes ponencias, a proxección do documental Os nomes da nosa terra: Monte Pindo, un coloquio, un recital poético da man do escritor Francisco X. Fernández Naval, un debate e máis unha mesa redonda.

Así mesmo, o cartel tamén contempla unha actuación musical a cargo das Gaiteiras de Pedras Miúdas que porá o broche ao simposio. m. c.