Solicitan dende o BNG que se modifique o plan para Ponte Nafonso

Piden á Xunta que se incorpore no proxecto a reposición do peitoril de pedra orixinal
Infraestruturas
María Cano
Xan Mariño, esquerda, xunto aos representantes do BNG.

Outes. O BNG de Outes e Noia, xunto co historiador Xan Mariño, ofreceron unha rolda de prensa para instar á Xunta a que modifique o seu proxecto de restauración da Ponte Nafonso incorporando a reposición do peitoril de pedra orixinal e unha actuación integral na súa contorna.

Os nacionalistas lembraron que levan anos demandando unha actuación importante na Ponte Nafonso, “pois esta atópase nun estado de abandono inaceptable”. Por iso, dende a formación frentista din acoller con ledicia o feito de que o Goberno galego “por fin teña a ben actuar”, máis, puntualizan, “consideramos que é primordial que se modifique o proxecto presentado, xa que pretenden substituír unha varanda de ferro por outra semellante”.

Nos mesmos termos se pronunciou o historiador Xan Mariño, quen dixo non entender que “con 707.000 euros de investimento non se aposte por repoñer o peitoril de pedra histórico que foi retirado no século XIX para ensanchar a citada ponte”.

Ademais, os voceiros do BNG dos concellos de Outes e Noia aproveitaron para instar a ambos gobernos locais a que cumpran coas iniciativas presentadas para estes lugares, e á Xunta de Galicia a que arranxe a estrada AC-196, que conecta a mencionada ponte coa AC-550, e así lograr unha actuación integral. m. c.