É a segunda edición dunha iniciativa de voluntariado xuvenil no que participan doce mozos en risco de exclusión // Desenvólvese no cámping de Cabío durante once días nos que realizarán diversas actividades para coidar o entorno TEXTO Marta Torres

Solidariedade e compromiso no campamento de Amicos

Inclusión
Marta Torres
Acto conmemorativo no xardín botánico de Granbazán. Foto: Amicos

A asociación Amicos vén de pór en marcha a segunda edición do campamento de voluntariado xuvenil inclusivo, no que participan un total de doce mozos de entre 18 e 30 anos que se atopan en risco de exclusión social ou que teñen unha discapacidade intelectual.

O campamento foi presentado fai uns días no que será o seu centro de operacións, o cámping de Cabío (A Pobra), durante once días onde se pretende fomentar entre os participantes os valores de solidariedade e compromiso coa comunidade, especialmente coas persoas que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade ou desprotección. Todo elo, indican dende o colectivo, a través de actividades inclusivas de voluntariado xuvenil.

Jaime Vidal, un dos monitores e técnico de desenvolvemento de Amicos, que acompañará aos participantes durante estes días, avanzou que realizarán “actividades para o coidado do medio ambiente como limpeza de praias e a instalación de hotel de insectos; outras iniciativas máis propias de campamento como son os patios inclusivos con xogos, saídas; e un tramo do Camiño de Santiago para conmemorar o Xacobeo”.

Os propósitos que Amicos pretende cumprir con este campamento son: promover a tolerancia, o respecto e a amizade entre os mozos para contribuír á construción de sociedades máis inclusivas; desenvolver as habilidades interpersoais dos xoves con maior vulnerabilidade para que poidan conectarse socialmente con outras persoas; aumentar o coñecemento sobre a xestión da diversidade social e cultural a través do intercambio de experiencias e vivencias entre os participantes; e contribuír á conservación do patrimonio natural e cultural galego a través da educación ambiental e o voluntariado.

Por outra banda, a ecobrigada de Amicos vén de rehabilitar o xardín botánico de Granbazán, en Vilanova, despois de dous meses de labor. Para conmemorar este traballo feito por persoas con discapacidade rematouse o proxecto coa colocación dunha placa en madeira na que pode lerse: “Este xardín botánico foi rehabilitado pola Ecobrigada de Amicos”.

O acto estivo presidido polo alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán; o tenente de alcalde, Javier Tourís; e por Adolfo Picáns, director financieiro da bodega e Carina Vázquez, responsable de Enoturismo e relacións públicas da empresa. Por parte de Amicos, estivo presente toda a ecobrigada; Ana Isabel Melón, secretaria da xunta directiva; Miguel Beiro, responsable da área de emprego; e Keltoi Cameán, técnico de emprego e empresas da asociación.

O obxectivo deste proxecto era pór en valor este espazo para a realización de eventos ao aire libre e catas de enoturismo para coñecer os viños que produce a bodega. “Quero dar as gracias en nome de todos os meus compañeiros a Granbazán por darnos este traballo. Gustoume moito facer este xardín botánico que ten moitas especies e foi moi especial”, afirmou ilusionado Manuel García, técnico da ecobrigada.

“Vimos unha oportunidade perfecta para rehabilitar este xardín a través dos servizos da ecobrigada. Estamos moi contentos cos resultados. Déronnos un selo de calidade con esta recuperación, xa que puxemos en valor o traballo humano das persoas con discapacidade e o coidado da natureza”, asegurou Adolfo Picáns, mentres que Durán calificou de “meritoria”, a labor levada a cabo por Amicos.