Talleres de memoria en Boiro con Cruz Vermella

Servizos Sociais
María Cano
A concelleira Dores Torrado, dereita, e a coordinadora local da Cruz Vermella, Natalia Romero, na presentación dun curso. Foto: C.B.

Boiro. A sede de Cruz Vermella en Boiro reiniciará este martes os talleres de adestramento da memoria, dirixidos a persoas maiores, nas diferentes parroquias onde se desenvolve esta actividade. En concreto, estanse a realizar un día por semana en horario de tarde en Cabo de Cruz, Escarabote, Cespón, Cures, Beluso, Abanqueiro e Esteiro, ademais da vila boirense.

O obxectivo desta actividade é exercitar a memoria a través dunha metodoloxía lúdica, dinámica e coa participación de todos e todas as participantes, co fin de minguar os efectos do envellecemento, entre eles o deterioro cognitivo. Ao mesmo tempo, pretende concienciar ás persoas maiores da importancia de estar en contacto coa cultura e manterse ao día coa información e coa actualidade.

Ademais, ao longo do ano realizaranse distintas actividades de lecer e tempo libre, tales como a celebración de Nadal, Entroido, excursións, charlas e paseos saudables, entre outras iniciativas.

Estes talleres contan con gran tradición e xa van pola súa vixésimo primeira edición. Segundo sinalaron dende Cruz Vermella, a continuidade do programa, ao longo destes anos, é posible grazas a colaboración do Concello de Boiro que subvenciona a actividade a través dun convenio.

Todas as persoas maiores de 55 anos interesadas en participar nestes talleres poderán inscribirse nas oficinas da Cruz Vermella en Boiro ou ben chamando ao teléfono 981 844 804. m. cano