Tarabela Creativa leva ‘Tabú’ á casa da cultura sonense o 28 de xaneiro

Cultura
M.C.
A representación está incluída na Rede Cultural da Deputación da Coruña. Foto: Cris Andina

porto do son. A casa da cultura de Porto do Son acollerá o sábado 28 de xaneiro, ás 20.00 horas, o espectáculo teatral Tabú, da compañía Tarabela Creativa. Tabú é unha proposta de narración oral con Carmen Conde, Nastasia Zürcher e Susana Garrido. Nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de mocidade. Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, secretismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, “que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú”, din. Segundo indicaron dende a área de Cultura, esta representación está incluída na Rede Cultural da Deputación. Entrada gratuíta. m. c.