Transfírenlle a titularidade da AC-310 ao Concello noiés

Estradas
María Cano
Trátase de treitos cun marcado carácter local e urbano sen funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas. Foto: X.

Noia. O Consello da Xunta autorizou este xoves o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Noia da totalidade da estrada AC-310 e de dous treitos das estradas AC-311 e AC-550, xunto co seu dominio público asociado, ao seu paso polo citado municipio.

A través deste decreto transfírese a titularidade dos 220 metros de lonxitude da estrada AC-310 de acceso ao porto de Noia e dun treito de algo máis de 1,3 km da AC-311, así como do tramo de 390 metros da AC-550 correspondente coas rúas Rosalía de Castro e Costa do Ferrador.

Trátase de treitos cun marcado carácter local e urbano sen funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas de Galicia, que discorren na súa totalidade polo concello de Noia e atravesan solos clasificados como urbanos polo instrumento de planeamento urbanístico vixente.

Co cambio de titularidade aprobado, o Concello terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto aprobado este xoves polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). m. cano