Trenor anima a facer uso do Bono Cultura dende a vila muradá

Bono Cultura
M.C.
Trenor e a alcaldesa de Muros, á dereita, durante a visita que realizaron este mércores á libraría Gallardo. Foto: Xunta

Muros. O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou este mércores a libraría Gallardo, no concello de Muros, para animar aos coruñeses a aproveitar os bonos da campaña do Bono Cultura da Xunta, medida que esgotou xa todos os vales e que se pode empregar desde hoxe ata o 31 de decembro. Na comarca do Barbanza están adheridos, a día de hoxe, 16 establecementos do total de 158 inscritos na provincia da Coruña.

O programa contempla descontos do 50 % na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais, para o que se emitirán 20.000 bonos. O ano pasado a iniciativa conseguiu animar a actividade cultural do outono galego, cun balance final dun total de 68.562 operacións, a mobilización de máis de 2M € ao longo de dous meses en marcha e a participación de 560 negocios culturais adheridos.

A nova edición amplía os seus obxectivos buscando, por un lado, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo, así como favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos. “Agora cómpre botar unha man ao sector e ós consumidores nesta nova crise”, indicou o delegado da Xunta de Galicia en Muros. m. c.