Tres talleres de Artesanía de Galicia na vila muradá

Obradoiros
M.C.
A finalidade é achegar aos participantes o saber facer dos profesionais do sector artesán galego. Foto: A. G.

Muros. O Concello de Muros convida aos veciños e veciñas a participar a vindeira semana nos obradoiros de Artesanía de Galicia, que albergará do 11 ao 15 de abril o Muíño das Mareas do Pozo de Cachón, en horario de 11.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.

Segundo indicaron dende a administración local, trátase de talleres participativos e dirixidos a persoas de todas as idades “co fin de achegar aos seus visitantes o saber facer dos profesionais do sector artesán galego e contribuír á difusión do valor engadido dos produtos artesanais”.

O programa inclúe tres obradoiros: un de bordado sobre postais, no que os participantes aprenderán a bordar sobre papel intervindo antigas imaxes da vila de Muros e arredores; un de estampaxe manual téxtil, no que haberá selos de moitas formas e cores para que os asistentes elixan como estampar un pano de algodón; e outro de pintura sobre madeira, no que decorarán discos deste material para colgar, con debuxos inspirados no mar, a natureza e o que xurda.

Os talleres serán impartidos por Minia Banet (fundadora de Studio Variopinto), Xiana Cobo e Leonor Díaz (do taller Como pez en el agua), respectivamente. Non se require inscrición previa. m. c.