Trinta e dúas empresas de Carnota percibirán axudas do PEL Reactiva

Agora, os beneficiarios teñen de prazo ata o 31 de marzo para poder xustificar os gastos
Axudas
María Cano
Concello de Carnota.

Carnota. O Concello de Carnota vén de publicar a resolución definitiva das axudas do PEL Reactiva para autónomos e empresas, que se convocan con fondos procedentes da Deputación Provincial da Coruña para tratar de paliar as consecuencias económicas da pandemia.

No caso de Carnota, en total destináronse 60.246,82 euros para tal fin (o 80 % son fondos da institución provincial e o 20 % restante, da administración local), dos cales se beneficiarán 32 empresarios e autónomos, que diporán de achegas que oscilarán entre 1.500 e 2.500 euros.

Fontes municipais sinalaron que as subvencións van dirixidas a negocios “que tiveron que paralizar a súa actividade pola COVID ou que viron diminuída a súa facturación nun 75 por cento con respecto ao semestre natural anterior á declaración do estado de alarma”.

Segundo se recolle nas bases reguladoras, agora os solicitantes deberán xustificar os gastos subvencionables antes do 31 de marzo, para poder percibir o importe da cantidade concedida. A listaxe pode consultarse na sede electrónica do Concello.

No conxunto da provincia, o PEL Reactiva alcanza os 15,5 millóns de euros (12,5 para os concellos de menos de 50.000 habitantes). m. c.