Están rematando a súa formación en aproveitamentos forestais // Villaverde e Trenor supervisaron onte o avance dos traballos nas parcelas seleccionadas // En total, na comarca do Barbanza estanse facendo cinco obradoiros TEXTO M. Torres

Un taller permite formar a 20 desempregados en Lousame

Formación
Marta Torres
Villaverde e Trenor, no centro da imaxe, durante a visita que realizaron onte aos alumnos do obradoiro de emprego Lousame-Noia 2019. Foto: Xunta

Un total de 20 alumnos e alumnas afrontan a etapa final da súa formación no ámbito de aproveitamentos forestais no marco do obradoiro de emprego Lousame-Noia 2019, no que o Executivo galego inviste máis de 480.000 euros. Durante o obradoiro realizaron actuacións en parcelas da Silva, Aldeagrande, Bouciñas, Brandía, San Lourenzo e Vilacoba (en Lousame), así como no Monte do Bolo, na contorna do local social de Barro, na área recreativa da Barquiña e nas municipais en Bergondo e San Paio (en Noia).

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde, visitaron onte este taller. Alí, o representante do Executivo autonómico destacou que estes obradoiros “son moi demandados porque son beneficiosos para o municipio onde se fan, polo traballo que se realiza, e porque permite tamén que esas persoas poidan ter acceso a unha formación moi concreta, práctica e que lles facilita moito a súa inserción no mercado laboral”. Así mesmo, lembrou que o curso tiña que ter rematado en xullo pero, “debido á pandemia a Xunta de Galicia fixo un esforzo moi importante para prorrogalo e sufragar os costes a maiores que viñan asociados a esa formación”.

Concretamente, na comarca do Barbanza estanse levando a cabo un total de cinco talleres, tres deles de carácter dual, onde participan persoas de calquera idade, e dous de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Emprego e Igualdade está investindo en políticas activas de emprego na zona máis de 1.500.000 euros. Os duais teñen lugar en Lousame, compartido con Noia, en Rianxo e en Ribeira; pola súa banda, os de garantía xuvenil estanse impartindo en Muros, compartido con Carnota, e no concello de Boiro.

Estes obradoiros están permitindo que un total de 82 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Ademais, os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

A principal novidade é que o alumnado da modalidade dual pode combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural.

Ao respecto, Villaverde dixo que “nestes momentos xa temos a catro alumnos que teñen un contrato de traballo comprometido por parte de empresas da comarca” e que “agardamos que esta formación aumente a autoestima do alumnado e lles favoreza a súa empregabilidade”.

Os talleres céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Asemade, esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.