Unha nova camiñata amosou os encantos de Carnota e máis Pedrafigueira

Andainas
ECG
A iniciativa busca dar a coñecer os encantos da vila. Foto: C.

Carnota. O Concello de Carnota vén de celebrar a segunda das andainas que se enmarcan no programa Carnoteando, co que se busca promover o deporte e dar a coñecer os encantos da vila.

Despois dunha camiñata circular de 12 quilómetros de distancia que se levou a cabo en outubro, a cal transcurreu por Os Mouchos, O Pindo, Quilmas, Chan de Lamas e o porto do Pindo, a pasada fin de semana cubriuse o segundo dos traxectos previstos.

Nesta ocasión, os participantes camiñaron outros 12 km dunha ruta circular con inicio e fin no Concello de Carnota. Durante o percorrido tiveron ocasión de ver o petróglifo da Laxe Escrita ou as inmediacións da fervenza de Pedrafigueira e do Bico do Santo, entre outros puntos.

A terceira e última andaina, de 16 kilómetros e dificultade media, será o vindeiro 11 de decembro e nela descubrirán Lariño e Lira. Partirá ás 9.30 h da antiga escola unitaria de Lariño, onde rematará. As inscricións serán de balde e poden formalizarse a través da páxina web carnota.gal.

Por outra banda, o Concello de Carnota vén de informar que contará o vindeiro 24 de novembro cunha formación sobre a enfermidade de alzheimer, dirixida ó público en xeral e, especialmente, para familiares de pacientes. Será no salón de actos do Concello de 10.00 a 14.00 horas.

“Este é un recurso moi importante para aprender máis sobre o alzheimer e que os coidadores teñan máis ferramentas para afrontar o día a día coa enfermidade”, din. ecg