Unha sentenza recoñece o dereito de Verdegaia á Xustiza gratuíta

Medio Ambiente
Marta Torres
Imaxe actual do antigo poboado das minas de San Finx, ubicadas no municipio de Lousame. Foto: C. L.

Lousame. Verdegaia vén de coñecer con satisfacción a sentenza dos Xulgados de Noia que recoñece finalmente o seu dereito á xustiza gratuíta no seu exercicio da acción popular medioambiental nun procedemento penal por volta da polémica explotación mineira en San Finx, no municipio de Lousame.

O xulgado tumbou así unha resolución da Comisión Provincial de Asistencia Xurídica Gratuíta da Coruña que denegaba a xustiza gratuíta á mencionada asociación. O seu rechazo podería ter implicado a imposición a Verdegaia de custas xudiciais de varios miles de euros.

Dende o colectivo afirman que “o auto xudicial ten especial transcendencia para o movemento ecoloxista, pois confirma fóra de toda dúbida que a Lei 27/2006 de xustiza ambiental, que transpón o Convenio de Aarhus, outorga o beneficio da xustiza gratuíta ás asociacións ambientais, sobrepóndose á interpretación literal da anterior lei de asistencia xurídica gratuíta de 1996, que non contemplaba esta posibilidade”.

Verdegaia lamenta “os obstáculos postos pola Xunta para o exercicio da acción popular medioambiental cando son os seus funcionarios e altos cargos os investigados”. m. t.