Tamén participaron outras seis vilas galegas // Celebrouse telemáticamente, pero a sede foi Guanajato, México

Unidos Rianxo e Mazaricos no Encontro de Alfombristas

C. Estévez
1. Unha das alfombristas de Cangas. 2. Deseño aportado polo municipio de Bueu. 3. Burela puxo o nome de Uriangato no centro. 4. Alfombra creada en Mazaricos. 5. As alfombristas de Rianxo posan coa súa elaboración. Foto: FAG

A Federación de Asociacións de Alfombristas Galegos de Arte Efémero vén de participar no proxecto Alfombristas internacionales unidos en la tradicional octava de SanMiguel de Arcángel. Trátase dunha iniciativa organizada pola coordinadora internacional de entidades de arte efémero en combinación e apoio á Asociación La Octava Noche de Uriangato, estado de Guanajuato en México. Participaron alfombristas de Antes (Mazaricos) e Rianxo; e xunto a eles estiveron representandos Bueu, Burela, Cangas do Morrazo, Cerponzóns (Pontevedra), Moaña e Ponteareas. Todos lembraron con nostalxia e agradecemento a súa estancia nos pasados anos en Uriangato. E é que esta vez, por mor da pandemia, non puideron viaxar e o encontro tivo que ser telemático.

A alfombra resume consta dun emblema, do estilo do escudo da cidade de Uriangato, “onde sete trevos de catro follas conteñen os deseños dos nosos, recordando as referencias do escudo de Galicia ás súas antigas sete provincias do Antigo Reino de Galicia, dos anos 1600 a 1700. Pola súa distribución, de arriba a abaixo e de esquerda a dereita, temos a parte máis aérea cos globos de papel que se elaboran para este festexo e as pombas debuxadas polas tradicións indíxenas, no centro no corazón sempre San Miguel, custodiado pola súa igrexa e o porticado da praza que a rodea, e abaixo dúas tradicións vencelladas coa música, a tradicional danza dos vellos e o palco da música”, explican dende a Federación.