Xa conta a vila carnotá cun novo centro social no lugar de Valadiño

Servizos Sociais
María Cano
Novo centro social de Valadiño, en Carnota. Foto: D.

Carnota. A veciñanza do concello de Carnota xa goza dun novo espazo de reunión no municipio co remate das obras do centro social de Valadiño. As instalacións foron financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación Provincial da Coruña, cun orzamento de 84.965,80 euros.

A iniciativa desenvolveuse nunha parcela en Valadiño, preto de Vilar de Outeiro, que xa contaba cunha zona edificada e unha pista polideportiva, ás que agora se engade esta nova construción onde se poderán levar a cabo diferentes actividades, como reunións, exposicións ou cursos. O inmoble de planta baixa acolle un espazo polivalente de 31 metros cadrados, unha cociña, un aseo adaptado para persoas con mobilidade reducida e un almacén exterior, onde se gardarán os utensilios da brigada de Obras. Tamén dispón dun porche e unha terraza cuberta con dúas barbacoas con parrilla para uso veciñal.

Asemade, a contorna, que está comunicada pola vía que une Gosende con Arcos, a través da que se accede ao citado centro, e por unha ruta local de servidume, foi dotada tamén dunha fosa séptica, dado que o lugar non contaba con servizo municipal de saneamento. m. c.