Xa poden solicitar os noieses trampas contra as vespas velutinas

Campaña
María Cano
Este insecto invasor incrementou a súa presenza en Galicia nos últimos anos.

NOIA. O Concello de Noia vai poñer en marcha unha nova campaña municipal, a cuarta consecutiva, para loitar contra a vespa velutina. Trátase dunha iniciativa impulsada pola concellería de Medio Ambiente, que dirixe Martín Fernández Godón. Nesta ocasión, a iniciativa busca mobilizar á veciñanza para traballar conxuntamente na localización e captura desta especie, polo que dende o Concello noiés achegaranse trampas específicas a todos os veciños e veciñas que se queiran sumar á campaña. A través das redes sociais municipais, a mencionada área informou de que as persoas interesadas en facerse cunha trampa para atraer ás vespas deben achegarse ao consistorio, concretamente ao segundo andar, e presentar unha solicitude. O prazo para a súa presentación comeza hoxe, martes día 23, e rematará o vindeiro 15 de xuño. m. c.