‘Xacovedra’ chega a Muros coa Mostra Xosé Agrelo

Teatro
M.C.
A mostra concentra nesta fin de semana dúas das actuacións. Foto: C.

Muros. O Concello de Muros e os grupos de teatro amador poñen en marcha a XIV Mostra de Teatro Xosé Agrelo. Esta nova edición do que xa se converteu nun ciclo consolidado, comezou o pasado 30 de abril e prolongarase ata o sábado 21 de maio.

Este venres (21.00) será Andaravía Teatro, de Vedra, o encargado de pisar as táboas do centro cultural para representar Xacovedra. Porque co ano Xacobeo, ábrese un mundo de oportunidades que ninguén quere perder. Por medio de varias cantigas, presentan novas e disparatadas perspectivas do grande evento galego. Xacovedra é unha comedia apta para tódolos públicos, un espectáculo de variedades do que é autor e director Manuel Cortés.

A seguinte función está programada para o día 7. Tomaralle o relevo o grupo O Xeito, de Esteiro, que interpretará Ám@te baixo a dirección de Xosé Taxes Freire.

As entradas son de balde, ate completar aforo, mais poden ser reservadas con anticipación nas oficinas do centro cultural. A concelleira de Cultura, Mayka González, anima a toda a veciñanza “a acompañarnos e deste xeito axudar a retomar a dinámica social e animar aos nosos artistas a que continúen co seu esforzo e bo facer”, afirmou. m. c.