Xuventude á política

Opinión
El Correo Gallego
Carlos Moledo, membro das Novas Xeracións do PP de Noia

Son ben poucos os concellos galegos que poden presumir de levar máis de 850 anos formando parte desta verdecente e rumorosa empresa que é Galicia. Foron moitos os noieses que contribuíron cas súas iniciativas e senlleiras obras a facer dese pequeno pobo mariñeiro a vila e fogar que para todos é hoxe. Moitos deles seguen vivos na memoria da cidadanía dende rúas que percorremos a diario: Alexandre Cadarso, Eduardo Núñez, María Mariño... Un pasado que se fai presente nunha vila con envexable futuro.

Noia, como tantos outros proxectos colectivos, non deixa de ser unha obra inacabada. A responsabilidade de dirección e administración que ocuparon no pasado un sinfin de noieses ilustres pronto recaerá nas mans da mocidade, que comeza a abrirse paso nun endogámico mundo de maiores, algúns dos cales aproveitan as bondades da política local para erguer, pedra a pedra, o seu risible e ridículo Reino de Taifas. Unha responsabilidade que os mozos e mozas deben asumir dende o máis íntimo compromiso persoal ata a máis firme certeza do enorme potencial tanto humán como material do que goza a vila.

Din que a mocidade de hoxe é a realidade das sociedades do mañá. A xente de Noia pode e debe sentirse orgullosa do seu pasado e, en consecuencia, verse comprometida co mantemento da súa Historia e tradicións. De ter sido o Portus Apostoli da Compostela medieval a ser séculos atrás o maior punto de extracción de sardiña debido a súa gran calidade; ou ser –xunto con Tui– as únicas vilas galegas en resistir á ocupación do alzamento militar do 18 de xullo. Pero toda esa merecida defensa do noso pasado non pode ser quen para descoidar o valor que se lle debe dar á xuventude, sempre e cando queiramos ter un futuro igual de distinguido que o herdado do pasado. É motivo de orgullo que Noia teña mozos e mozas que, entre as súas afecións, destaquen na promoción artística, musical, cultural, deportiva. Mais tamén na actividade política.

É esta última a que cobra máis responsabilidade, ó convocar a toda a xuventude, cando se refire a proxectar, dirixir e xestionar o futuro que os mozos e mozas desexan para a vila. O noventa aniversario da Asamblea de Concellos, na que se aprobou o primeiro borrador dun Estatuto de Autonomía para Galicia, é unha boa motivación para facer balance analítico da participación da xuventude na vida política do Concello e tamén para reivindicar o lugar que a mocidade está disposta a asumir.

A xuventude que queira achegarse á actividade política o debe facer limitándose a exercer dende a máxima do sentido común. De nada serven as tácticas aduladoras que o único que prentenden é adiantarse ó resto para acadar idílicos obxectivos que antes ou despois terminarán no máis estrepitoso dos fracasos. En resumo, entender a política coma unha necesidade de defensa dos intereses e aspiracións de Noia, nunca dos propios. E, sempre, un compromiso asentado nos principios rectores da ponderación, o saber estar e o sentidiño. Esa responsabilidade nos incumbe a todos.