A Laracha acondiciona os terreos vinculados ao CEIP Otero Pedrayo

Concello e Consellería de Educación van facer un peche perimetral novo para o centro
Colexios
Claudina Estévez
Imaxe dos terreos ao lado do CEIP Otero Pedrayo. Foto: C.A.L.

A Laracha. O Concello da Laracha está a acondicionar os 13.761 metros cadrados dos terreos situados xunto ao CEIP Otero Pedrayo recentemente adquiridos con fondos municipais co propósito de aumentar a superficie vinculada a ese centro educativo.

Trátase das intervencións previas á posta de ditos espazos a disposición da Consellería de Educación da Xunta de Galicia para acometer as actuacións previstas. Concello e Consellería de Educación acordaron realizar un novo peche perimetral para integrar os terreos no centro de ensino e acondicionar no espazo exterior un novo acceso principal para os autobuses do transporte escolar, así como áreas de estacionamento.

Ademais de mellorarse a seguridade viaria na entrada ao colexio, no interior do centro aumentaranse nuns 12.000 metros cadrados os espazos dotacionais para poder albergar novos equipamentos deportivos ou educativos cara o norte, en continuidade cos existentes na actualidade.

Esta circunstancia, indican dende o Concello, “é especialmente importante pola diminución das zonas exteriores libres de edificacións que implicaron nos últimos anos a construción no centro educativo do novo módulo de Educación Infantil e do pavillón polideportivo cuberto”. C. E.