A Laracha adquire un vehículo motobomba para perfeccionar o servizo de prevención de incendios

O Concello comprouno coa axuda de 32.000 euros do Fondo de compensación ambiental
Medio Ambiente
Redacción WEB
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto acercouse ata Laracha para interesarse polos equipamentos de emerxencias adquiridos polo Concello co apoio da Xunta de Galicia.

A Laracha. O Concello larachés vén de adquirir un vehículo motobomba para mellorar as actuacións de coidado do medio ambiente e a prevención dos incendios forestais. Algunhas dos traballos que se levan a cabo no municipio son os mecanizados de roza de estrados, camiños forestais ou predios.

Para a súa compra, o Concello contou cunha axuda de 32.000 euros do Fondo de cooperación ambiental, co que a Xunta financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, achegouse o pasado xoves ata a Laracha para coñecer de primeira man estas actuacións que se levan a cabo no municipio. Prieto destacou a importancia deste tipo de investimentos na protección do espazo natural e na prevención de situacións de risco e tamén recordou que “a Vicepresidencia Primeira da Xunta, a través das diferentes liñas de axudas da Dirección Xeral de Administración Local, concedeu entre os anos 2009 e 2021 un total de 754.881 euros ao Concello de Laracha para distintas actuacións na mellora das condicións de vida dos veciños”.