A Laracha planea novas medidas de apoio á hostalería

Estudan bonificar a taxa de recollida do lixo // Haberá feira en Paiosaco con postos reducidos
COVID
M. Lavandeira
Espazo en Paisaco onde se instalará a feira coa metade dos postos o domingo. Foto: C. Laracha

A comisión de seguimento ante a COVID da Laracha acordou estudar novas medidas de apoio ao sector hostaleiro. O Concello manifesta o seu apoio e a vontade de adhesión ao fondo de cooperación acordado entre o sector e a Xunta para canalizar axudas que se financiarían con achegas das administracións autonómica, provincial e municipal. Ademais, de acordo cos informes técnicos, están a estudar a posibilidade de aplicar bonificacións na taxa de recollida de lixo.

Por outra banda, acordaron que a feira de Paiosaco deste domingo se celebre do mesmo xeito que as anteriores, permitindo a instalación dos postos fixos asignados, pero coa metade do seu espazo habitual. No caso dos vendedores non profesionais de produtos do campo, así como dos compradores que acudan á feira, deberán cumprir coa normativa sobre as restricións de mobilidade.

A comisión decidiu tamén suspender a programación municipal de Entroido e manter abertos os parques infantís, nos que continuarán realizando desinfeccións.

Na xuntanza informouse de que a Policía Local, en coordinación coa Garda Civil, está a intensificar os controis nas estradas sobre o cumprimento das restricións da mobilidade das persoas. O da Laracha non é un concello pechado, pero si o están todos os municipios limítrofes: Arteixo, Carballo, Cerceda e Culleredo. Tamén informarán aos curas de todas as parroquias sobre as novas restricións na celebración de actos de culto, xa que desde o venres a capacidade máxima no interior das igrexas será dun terzo do seu aforo.

A agrupación de voluntarios de Protección Civil seguirá ofrecendo a aquelas persoas que o precisen o servizo de transporte a domicilio de medicamentos. Quenes teñan dúbidas sobre as medidas en vigor poden chamar ao teléfono 900 400 116, que foi habilitado pola Xunta.