A Laracha solicita subvencións para a contratación de persoal para servizos municipais
A Laracha. Este xoves celebrouse unha sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local da Laracha para solicitar a participación do Concello na convocatoria de subvencións da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga).
A través desta liña de axudas o Concello pretende crear un equipo de peóns para o desenvolvemento de servizos xerais municipais durante un período de nove meses. O importe da subvención solicitada supera os 20.000 euros.
Por outra banda, tamén se autorizou propoñer a participación na convocatoria de Augas de Galicia para a concesión de axudas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación para a redacción do plan de emerxencia ante situacións de seca.
A finalidade desta liña de subvencións é garantir o abastecemento aos cidadáns e fomentar o emprego eficiente dos recursos hídricos.