A Primavera Teatral regresa a Paiosaco con tres funcións no mes de abril

Chola, a IT girl, Go On! e Mostellaria son as obras que integran o cartel // Representaranse ás 20:00 horas no auditorio do centro sociocultural
Cultura
Redacción WEB
Centro sociocultural de Paiosaco, onde se celebrarán as actuacións teatrais.

A Laracha. Paiosaco celebra este mes a décima edición de A Primavera Teatral. A programación cultural desenvolverase no auditorio do centro sociocultural e constará de tres espectáculos que comezarán as 20:00 horas.

O Concello, en colaboración da Deputación da Coruña, programou a Primavera Teatral co dobre obxectivo de ofrecer á cidadanía unha oportunidade para achegarse ás artes escénicas presenciando espectáculos destas características e de apoiar ao sector cultural, especialmente afectado pola crise do coronavirus.

A primeira cita será o venres día 9 con Chola, a IT Girl. Laura Valverde porá en escena á protagonista da peza, unha mecánica de coches, blogueira e youtuber galega que é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ao máis puro estilo de show escénico youtuber.

O venres 16, a compañía Malasombra Produccións presentará Go On!, unha comedia protagonizada por Xoque Carbajal e Jouse García e dirixida por Marcos Orsi. A peza percorre e parodia os costumes, refráns, cancións e a cultura galega en xeral mediante dous intrépidos exploradores que tiveron o valor de introducirse nas descoñecidas terras galaicas a través do Camiño de Santiago.

O ciclo teatral pecharase o venres 23 cunha versión de Mostellaria, a comedia clásica de Plauto, adaptada pola compañía teatral Corzo Producciones.

Todas as funcións serán con entrada gratuíta por orde de chegada e ata completar o 30% do aforo do auditorio.

Dende o goberno local avisan de que a celebración do programa e as condicións de acceso estarán suxeitas a posibles cambios en función da situación epidemiolóxica e das medidas sanitarias e sociais que poidan establecer as autoridades competentes.